Thursday 16 de May de 2024

Galicia participará na delegación española que se desprazará á Conferencia Internacional do Clima de París


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, formará parte da delegación española que se desprazará a París os días 7 e 8 de decembro con motivo da Conferencia das partes das Nacións Unidas (COP 21).

A previsión é que neste evento participen un total de 195 países e que estean presentes os seus principais mandatarios. O obxectivo deste cumio é pechar un acordo global rigoroso e a longo prazo sobre o cambio climático e, especialmente, fixar compromisos para reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro que permitan frear o quentamento global. Tamén se tratarán outros temas de interese, como a auga e a adaptación ao cambio climático.

A postura de España neste cumio foi abordada hoxe na Conferencia sectorial extraordinaria de medio ambiente presidida pola Ministra de agricultura, alimentación e medio ambiente, Isabel García Tejerina, e na que tamén participou a conselleira Beatriz Mato.